Obradoiro sobre o Cancioneiro Popular

Na pasada quinta feira (xoves) 8 de maio, no Salón de Actos do noso centro, tivemos a sorte e a alegría de asistirmos a unha charla e un concerto didáctico, organizado polo Equipo de Dinamización Lingüística do Armando Cotarelo e impartidos por Gustavo Couto e Cristina Cotilla, de Carapaus, sobre as mulleres homenaxeadas no Día das Letras Galegas, as cantareiras, personificadas nas Pandeireteiras de Mens falecidas hai máis de dez anos.

Esta data serve como pretexto para visibilizarmos o legado de tantas mulleres do pobo que, coma as que protagonizan estas Letras colectivas, foron principais creadoras e transmisoras da poesía popular oral, e mais a súa continuidade en novas voces que lles abren á tradición e á lingua novos e exitosos vieiros creativos.

Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, xunto a Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela foron as Pandeireteiras de Mens. Elas constituíron o primeiro grupo de cantareiras tradicionais que espallaron polo mundo adiante a poesía popular oral, tras se integraren nos anos 70 do século pasado na Agrupación Folklórica Aturuxo da Coruña.

Gustavo e Cristina fóronnos guiando, en presenza da entusiasmada rapazada, do profesorado, e de Sonia Outón Casal (concelleira de Cultura do Concello de Vilagarcía) e Valentina Veiga (técnica de Normalización) polas boas prácticas da nosa tradición oral e escrita e pola importancia de dignificar o noso patrimonio, restaurando e cantando as coplas populares na súa lingua orixinaria e xenuina, isto é, en galego. Alén disto, fixéronnos reparar en que o machismo e outros tipos de violencia podem (e deben) ser eliminados da nosa tradición.

Foi unha verdadeira marabilla poder ouvilos cantar e tocar ao vivo pandeiretas, legóns, pandeiras e todo tipo de percusión do noso rico e variado patrimonio musical popular, ao tempo que nos falaban das mulleres homenaxeadas implícita e explicitamente nestas Letras Galegas.

A cereixa no bolo foi a preparación dunha regueifa ou canto ao desafío que enfrontou (metaforicamente) a alumnado e profesorado mais que, no entanto, rematou cunha festa de convivio en que cantamos e bailamos, e que nos deixou con vontade de máis.

Felizmente estas actividades van continuar no patio do noso centro, co Festival das letras galegas, organizado tamén polo EDL na tarde do martes 13 de maio. Así mesmo, co Festival escolar Letras Galegas 2025 no Auditorio de Vilagarcía, na mañá do venres 16, organizado tamén polo EDL e mais polo Concello de Vilagarcía.

Esperamos contar convosco! Vivan as cantareiras, viva a nosa cultura, viva o galego!

Scroll ao inicio