Proxecto Horizonte Azul. Saída didáctica en veleiro

Como parte do recoñecemento acadado no I Concurso Horizonte Azul, convocado pola entidade NAVEGA co obxectivo de achegar a conservación mariña á educación, varios grupos  das materias Educación Dixital de 3º e Dixitalización de 4º da ESO, puideron gozar dunha saída didáctica moi especial: unha travesía pola ría de Arousa a bordo dun veleiro científico.

Durante a xornada, o alumnado recibiu explicacións prácticas sobre nocións básicas de navegación, como o uso da latitude e a lonxitude para orientarse no mar, e participou nunha actividade que simulaba a investigación dunha problemática na produción de mexillóns na ría. Esta situación serviu de punto de partida para aprender a realizar medicións oceanográficas, empregar o método científico e interpretar os datos obtidos.

De forma inesperada, a xornada coincidiu co apagón eléctrico a nivel estatal, o que fixo aínda máis significativa unha das propostas da actividade: levar a cabo todas as medicións con métodos analóxicos. Isto deu pé a unha interesante reflexión sobre os instrumentos científicos dispoñibles noutras épocas, cando a ciencia avanzaba sen a tecnoloxía electrónica da que dispoñemos hoxe.

Todos os grupos valoraron moi positivamente a experiencia, tanto pola aprendizaxe práctica coma polo feito de poder vivir dinámicas educativas diferentes ás habituais, nun contexto real e motivador. Sen dúbida, foi unha actividade enriquecedora tanto para o alumnado como para o profesorado acompañante.

Desde o centro queremos agradecer á organización de Horizonte Azul a oportunidade de participar nesta iniciativa, así como felicitar ao noso alumnado polo seu traballo no proxecto premiado e pola súa excelente actitude durante a saída.

Galería de fotos:

Scroll ao inicio