O pasado mércores, 21 de maio, o alumnado de 4º da ESO das materias de Dixitalización e Economía participou nunha saída didáctica á sede de Cortizo, no marco do programa EduTecEmprende.
A visita tivo como obxectivo achegar o alumnado ao funcionamento dunha empresa real e de referencia no sector industrial galego. Cortizo, especializada no deseño, fabricación e distribución de perfís metálicos de aluminio, é un exemplo claro de innovación, internacionalización e sustentabilidade aplicada á industria.
Durante a actividade, os estudantes puideron coñecer de primeira man as diferentes fases do proceso produtivo, desde as necesidades dos potenciais clientes ata a distribución final, así como a estrutura organizativa e os perfís profesionais que forman parte da empresa. A visita incluíu unha presentación corporativa e un percorrido polas instalacións.
Esta actividade está concibida como complemento aos contidos das materias implicadas, ofrecendo unha visión práctica e aplicada do que se traballa na aula, e ao mesmo tempo como unha experiencia orientadora, que permite ao alumnado reflexionar sobre posibles saídas formativas e profesionais no ámbito tecnolóxico e económico.
Agradecemos a Cortizo a súa excelente acollida e disposición, ao profesorado organizador o seu compromiso por enriquecer a aprendizaxe máis alá das aulas, e ó alumnado polo aproveitamento que fixo da saída.






























































