Aprendendo da Universidade

Como en edicións anteriores o Departamento de Economía organizou distintas charlas divulgativas durante esta avaliación dirixidas especialmente para o alumnado de 2º de bacharelato.

  Dende a Universidade de Vigo visitounos o profesor Vicente Badanes Pla, da Facultade de Comunicación (Pontevedra), que impartiu a charla “O marketing experiencial: unha ferramenta contra a indiferenza”. O ponente faloulles de como as empresas desenvolven as súas técnicas para que o cliente conecte coa súa marca, é dicir, que o consumidor elixa o seu produto ou servizo polo que experimenta antes de compralo ou durante o seu consumo. Houbo quen se sentiu identificado!

  Dende a Universidade de Santiago de Compostela voltou a visitarnos a profesora Pilar García, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, para impartir a charla “Economía circular e novos modelos de negocio”. Unha ponencia moi relacionada cos contidos que se desenvolven durante o curso en 2º de bacharelato e na que o alumnado puido analizar novos modelos de negocio actuais desenvolvidos a partir das 7Rs. 

Tamén dende a Universidade de Santiago de Compostela asistiu o profesor Óscar Rivero Salgado, profesor da Facultade de Matemáticas. A súa charla titulada “Contar é máis difícil do que parece” permitiulle ao alumnado coñecer como se aplica a combinatoria matemática para a resolución problemas e, especialmente, no ámbito das empresas.

Grazas a todos pola súa participación neste achegamento da Universidade ao noso instituto, buscando despertar a curiosidade e o interese do noso alumnado.

Scroll ao inicio