Hoxe á tarde tivemos unha charla para o alumnado de 1º de ESO titulada “O mar que nos alimenta: A acuicultura nas Rías Galegas” organizada polo Departamento de Galego.
A actividade foi impartida por Toni Padín, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), centro de referencia na investigación oceanográfica e mariña en Galicia, onde se desenvolven estudos relacionados coa bioloxía mariña, a acuicultura e a sustentabilidade dos recursos do mar.
Xunto a el participou Ángeles Longa, directora de I+D do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, entidade encargada de protexer e promover a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, garantindo a calidade do produto e impulsando a innovación e a investigación no sector mexilloeiro.
Durante a charla explicouse a importancia da acuicultura nas Rías Galegas, o papel do mexillón na economía e na alimentación, así como a relación entre investigación científica, produción sostible e protección do medio mariño. O alumnado mostrou grande interese, facendo preguntas e participando activamente ao longo da sesión.





